Dereitos que tes no ámbito socio-laboral



Dereitos que tes no ámbito socio-laboral
Comunicar no teu traballo, a unha soa persoa ou un pequeno grupo, que es trans é unha decisión que libremente tes que tomar. Se optas por visibilizarte ou vas realizar o tránsito social no teu traballo sería ilegal utilizar isto como argumento para despedirte, impedir un ascenso, traslado ou realizar calquera actuación que prexudique as túas condicións de traballo. É importante saber que todo o mundo ten dereito á súa intimidade. Logo o feito de que sexas unha persoa trans é unha información que sempre debe ser tratada co mesmo nivel de confidencialidade que calquera outra información persoal, estando protexidas pola Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
É importante que abordes coa empresa o acceso a espazos divididos por sexo cando non sexan neutros. É ilegal denegar o acceso dunha persoa trans a espazos concretos, obrigándote a utilizar uns aseos ou vestiarios contrarios aos elixidos. Facelo é claramente discriminatorio. Os espazos neutros ou de uso común para calquera persoa poden ser de gran utilidade para evitar posibles tensións.
Existe a posibilidade que, debido aos procesos médicos, hormonais ou de sáude polos que estás pasando, necesites a adaptación do posto de traballo ou da xornada mentres se fai o proceso de transición, por iso é importante lembrar que na Lei de Prevención de Riscos Laborais, no artigo 25, indica a obriga de “asegurar que os traballadores e traballadoras nos que se dean circunstancias especiais que poden facelas especialmente vulnerables a determinados riscos (traballadores sensibles, embarazadas, novos, eventuais ou de empresas de traballo temporal) dispoñan dun nivel de protección adecuado á súa situación especial”.
Se tes dúbidas ou estás vivindo calquera situación de discriminación, recomendámosche que acudas a un sindicato que te poida asesosar e acompañar na denuncia se procede.