Dereitos que tes no ámbito educativo

É importante que coñezas que desde 2016 existe en Galicia un Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero (impulsado no seu momento por ARELAS). Este protocolo indica que no teu centro deben respectar a túa identidade (uso de nome e pronome correcto nas aulas, en documentos non oficiais como exames, correo electrónico, carné da biblioteca). Indica que podes facer uso dos espazos separados por sexo que ti elixas (aseos, vestiarios, cuartos compartidos en excursións...) Tamén outorga aos equipos de orientación o labor de mediar coa túa familia cando esta non apoia (se así o desexas) e incluso deben activar protocolos de maltrato cando a túa familia exerza violencia ao non apoiarte de xeito insistente.

É certo que neste protocolo se recolle que ha de solicitar a súa activación a túa nai,  o teu pai ou unha persoa que exerza a tutela, pero tamén é certo que este protocolo só é unha guía de apoio para os centros educativos e que por encima deste documento está a lei que te ampara e que di que non respectar e acompañar a túa identidade atenta contra a túa dignidade e os teus dereitos fundamentais.

Tamén nas universidades galegas existen protocolos que garanten o respecto da túa identidade cando non o fixeches legalmente (USC, UDC e UVigo).