Modelo de boas prácticas baseado nos dereitos humanos
Modelo de boas prácticas baseado nos dereitos humanos
O discurso e a loita pola despatoloxización trans é un cambio de paradigma no que a transexualidade non sexa unha patoloxía nin tampouco un problema, senón que sexa entendida como un conxunto de traxectorias vitais posibles e heteroxéneas. Trátase de pasar dun modelo biomédico tutelador a un modelo de dereitos humanos, no que as persoas profesionais da saúde informen, asesoren, validen e acompañen.
Xs profesionais da saúde deberían deixar de poñer a súa atención na disforia da persoa trans e poñela nas consecuencias de vivir nunha sociedade transfóbica que rexeita xs corpos diversos e a diferenza en xeral. Han de comprender, que se ten que acompañar e dar resposta ás demandas das crianzas e mocidade trans no presente, coas súas necesidades e peticións actuais, que nin son arbitrarias nin pouco importantes, todo o contrario. Porque unha mala praxe profesional, un mal consello á familia que toma decisións apoiadas nestes profesionais, unha infancia ou xuventude infeliz, son o suficientemente importantes como para apreciar o valor que ten o recoñecemento e acompañamento que necesitan todas as persoas, aquí e agora. Velando en todo momento polo interese superior da persoa menor , entendéndoa como unha persoa autónoma que sabe e debe tomar decisións sobre como quere vivirse desde a súa identidade sentida.
Desde ARELAS defendemos un modelo de boas prácticas na atención á transexualidade infanto-xuvenil e das persoas adultas baseado en:
- A desproblematización das identidades trans.
- Crer na autonomía e capacidade decisoria da persoa menor trans como persoa suxeita de dereito que sabe, pode e debe tomar decisións e expresarse libremente (mesmo moito antes dos 16 anos).
- Asesoramento e información veraz, non estereotipada e libre de prexuízos.
- Principio de non discriminación e non segregación, ao que aparece vinculado o principio de proximidade na atención sanitaria.
- Disforia de xénero e transexualidade non son o mesmo.
- Despatoloxización das identidades trans. Acceso a saúde mental á petición da persoa coma calquera outra.
- Non establecer itinerarios únicos e adecuados de atención.
- Acompañamento transpositivo e de validación das identidades.
- Mirada non binaria da sociedade.
O aumento do coñecemento da realdiade trans e os avances lexislativos están facendo que cada vez atopemos profesionais da saúde máis formadxs e cunha mirada da transexualidade emancipadora e non patoloxizante. Oxalá persoas trans, familias e profesionais podamos seguir colaborando e traballando xuntxs para avanzar no coñecemento e mellor acompañamento da realidade trans desde o ámbito da saúde.