A despatoloxización da transexualidade

Cando desde os colectivos trans deféndese a despatoloxización das identidades trans, perséguese non só a desaparición da transexualidade dos manuais e clasificacións internacionais de enfermidades, senón tamén o acceso a dereitos humanos sen inxerencias e barreiras legais e, en particular, no acceso universal á atención de saúde sen diagnósticos nin tutelaxes desde saúde mental. As persoas trans, incluídas as menores, nos tratamentos médicos que poidan requirir deben ser recoñecidas como persoas activas, con capacidade para decidir por si mesmas. Trátase, por tanto, de tomar a palabra para falar das súas propias vidas e de como queren vivirse, algo que ata o de agora fixeran exclusivamente profesionais da saúde.

Desde ARELAS rexeitamos os discursos médicos que requiren obrigatoriamente de transformacións corporais, test psicolóxicos e de vida real, canons cisexistas e binarios de xénero, longos períodos de espera para ser atendidas, dubidosos trámites administrativos baseados en protocolos inexistentes, a exclusión, estigmatización e a segregación. Porque con independencia de calquera clasificación que asevere o contrario, a identidade sexual dunha persoa non implica, en si mesma, trastornos da saúde e non deben ser sometidas a tratamento ou atención médica e/o psicolóxica de forma obrigada. Desde o empoderamento e o propio discurso do colectivo trans e as súas familias, trasladamos aos poderes públicos que as regulacións e requirimentos patoloxizadores e reduccionistas das persoas trans, han de considerarse contrarias a Dereito.

Por suposto, cando falamos de despatoloxización, tamén pedimos que desaparezan as antigas “unidades de trastorno de xénero”, agora chamadas “unidades de referencia”, que lonxe de realizar un labor de asesoramento experto e transpositivo,, formación, investigación, estatística, elaboración de guías de boas prácticas e de realización de cirurxías especializadas, realizan unha labor de concentración de pacientes para o diagnóstico e tratamento de persoas trans, incumprindo o principio de non discriminación e non segregación, ao que aparece vinculado o principio de proximidade na atención sanitaria do artigo 14 da Constitución. Estes principios implican que as persoas trans non poden quedar excluídas do dereito á libre elección de médicx especialista que se recoñece a todas as persoas usuarias do Sistema Sanitario Público.