Vencer o medo que sentes

O medo ao rexeitamento é unha emoción moi desagradable e lóxica cando falamos de familias que ao final son o reflexo dunha sociedade transfóbica chea de descoñecemento e prexuízos. Pero seguir escondendo o que sentes e que iso te impida ser quen es é moi difícil de soportar. Só se te convences de que, por difícil que resulte, dicirllo é un paso indispensable (sobre todo se es menor ou dependes da túa familia) para que poidas avanzar, atoparás a forza suficiente para facelo. Apóiate nesas persoas aliadas que seguro terás, sobre todo se son persoas trans que xa pasaron polo mesmo.

Tamén é moi posible que a túa familia e amizades xa teñan unha certa sospeita e a súa reacción sexa moito máis positiva do que te imaxinas (tendemos a poñernos no peor). Ou que esa primeira reacción negativa sexa simplemente unha fase que han de superar para comezar a apoiarte e acompañarte no teu proceso, algo que temos observado en moitas familias de ARELAS. É importante que lles fagas ver que o mellor e estar unides e que deben buscar e ter o apoio doutras familias que xa pasaron polo mesmo proceso (asociacións de familias con filles trans). Tamén resultará de gran apoio que escoiten testemuños dalgunhas persoas trans mozas que dean unha visión positiva do camiño que necesitas facer ou, quizais, acudir a algún profesional que poida facilitarlles a súa propia transición.

A túa familia necesitará o seu propio tempo de tránsito, medos e procuras para poder entenderte e acompañarte. Terás que ter algo de paciencia e ao mesmo tempo ser firme e insistente nas túas necesidades e demandas.