Quérete ben para que te queiran ben

Por outra banda, tras un proceso máis ou menos longo no que xa sabes que es unha persoa trans é moi probable que agora poidas empezar a preguntarte que necesitas para ser, estar e vivir como quen es realmente. É probable que sintas unha certa incomodidade e medo ante todos estes cambios ou porque non sempre é fácil aceptarse como persoa trans ante tanta información negativa que atopas. Tamén é posible que tras un camiño máis ou menos longo na túa transición, quizais anos despois, continúes tendo dificultades para aceptarte como persoa trans. Vivimos nunha sociedade onde hai moitas dificultades para lograr a aceptación de corpos, expresións e identidades diversas, isto pode provocar que teñas máis ou menos dificultade para aceptar o teu corpo e a túa maneira de ser e vivirte como persoa trans.

É moi posible que se despois de moito tempo en que non tes acompañamento familiar e sofres rexeitamento por ser trans, reacciones de varias maneiras. Por exemplo tentando bloquear o que sentes ou negar a túa verdadeira identidade esforzándote en adoptar o rol do xénero asignado ao nacer. Baixo a nosa experiencia, sabemos que isto acaba creando moito malestar, porque é difícil vivir non sendo quen es en realidade.

Tamén é posible que teñas acompañamento familiar e que comeces un longo camiño de tratamentos e cirurxías para adaptar o teu corpo ao que a sociedade espera de ti como home ou muller. Pero o propio coñecemento de que o teu corpo é diferente ao dun corpo cis pode continuar creándoche un certo malestar. Poida que mesmo entres nun novo armario para que ninguén coñeza o longo camiño que percorriches para ser e vivir como quen es. Quizais sintas medo mesmo de que poidan descubrilo. Nesta situación é posible que necesites traballar a túa propia aceptación e validación de quen es. Unha posibilidade sería contactar con outras persoas trans que vivan a súa identidade e corpo máis positivamente, con entidades especializadas como ARELAS que contan con profesionais que poidan acompañarte nese empoderamento necesario.

É imprescindible que te aceptes tal e como es, co teu corpo, a túa maneira de ser, habilidades, capacidades e, como di Iago Santalla, os teus ilímites. Chegar a reconciliarnos con quen somos, mellorando aqueles aspectos que se poden mellorar e aceptando como son os que non é posible modificar, permítenos ser máis felices. Na medida do posible, debes ser unha persoa moi crítica e contraria á sociedade binaria e ás súas imposicións respecto aos corpos e os roles de xénero.  Isto permitirache reconciliarte co teu corpo trans necesitando poucos ou ningún tratamento hormonal e/o cirúrxicos.

Do mesmo xeito, cando aceptas quen es é pouco probable que sintas a necesidade de esconder o longo camiño percorrido e non sintas ningún medo a que poidan descubrilo, incluso que amoses satisfacción por todo o logrado e te visibilices orgullose de ser trans.