Cómo podo ir saíndo do armario?

Cando teñas claro que es unha persoa trans e queiras dar o paso de “saír do armario” facémosche estas recomendacións:

É moi posible que a túa familia teña unha primeira impresión de que é unha idea que apareceu hai moi pouco tempo e que está influenciada por amizades ou redes sociais, polo que é moi importante que expliques ben canto tempo levas non identificándote coa identidade asignada, en que situacións isto che creou malestar e dor, onde atopaches a información necesaria para poñer nome ao que es e desde cando comezou esta procura. Tamén é importante que indiques se xa tes pensado ou usas un nome e pronome co que te identificas. Móstralles tamén os teus momentos de confusión e ao mesmo tempo a tranquilidade que achegou saber quen es e atopar o camiño no que queres estar, os teus medos respecto ao futuro e mesmo a posibles tratamentos, pero especialmente has de mostrarlles a necesidade que sentes de que a túa familia te acompañe nun camiño que desde a soidade será moito máis duro de percorrer.

A maior parte das familias, sentirán a necesidade de falar deste escrito en persoa de forma inmediata, pero tamén é posible que reaccionen co silencio, a pesar de que o teu escrito lles provocou moitas emocións. Se é así, o seu silencio é o resultado do medo, do seu propio proceso de aceptación ou por unha incapacidade inicial para expresar o que senten. Terás que deixarlles unha certa marxe de tempo e, se non hai resposta, insistir de novo.

Tamén existe a posibilidade de que o comuniques en compañía doutra persoa de confianza que xa coñeza todo isto (algún profesional de confianza, a persoa de orientación ou titor-a de clase…). Aínda que o mellor sería conseguir que alguén da túa familia estea do teu lado e te acompañe nese momento cando llo digas.

Por último unha recomendación: Cando o medo te bloquee de tal maneira que te faga crer que non es trans e todo foi un erro, faite a ti mesme esta pregunta: as dúbidas seguirían se soubeses seguro que a túa familia e contorna social respectaría e acompañaría a túa decisión?