Cómo podo ir saíndo do armario?
Cómo podo ir saíndo do armario?
Cando teñas claro que es unha persoa trans e queiras dar o paso de “saír do armario” facémosche estas recomendacións:
- BUSCA PERSOAS ALIADAS. É moi importante contar con consellos e con apoios á hora de dar o paso. Debes buscar persoas aliadas entre a familia, amizades ou contorna escolar. Tamén sería de gran axuda contar con persoas LGTBIQA+ que te poden asesorar e acompañar neste momento (persoas LGTBIQA+ de entidades ou redes sociais, proferosado LGTBIQA+ visible, grupo de alumnado LGTBIQA+ do teu centro…). Este paso é importante porque podes sufrir algún rexeitamento inicial ou situacións desagradables que con consellos e apoio se poden superar mellor.
- ELIXE BEN O MOMENTO. Non se debe saír do armario con segundo que persoas se non tes claro que es trans, se sentes presión ou se non estás preparade para enfrontarte ás respostas que poidas recibir. É importante contar cunha certa garantía de como o tomarán por parte da familia, amizades ou no centro educativo (normalmente tomarano moito mellor do que ti esperas).
- PREPARA O TERREO ANTES DE DAR O PASO. Pode ser de axuda tantear as reaccións da túa contorna e familia. Por exemplo: saca o tema nalgunha conversación ou fala dalgún amigo gai ou trans nunha comida. Ver como reacciona a familia/amizades pode darche unha idea do que pensan ou saben do tema e tamén do que pode suceder cando lles digas que eres trans. Se a súa reacción é negativa trata de dar argumentos válidos desde a tranquilidade.
- NON DEBES COMUNICALO NA FAMILIA CANDO... nun momento de discusión ou problema grave familiar (de saúde por exemplo). Tes que escoller un momento de certa tranquilidade. Se dicilo pode traerche problemas importantes coa túa familia e non tes recursos para sobrevivir por ti mesme, non deberías dar este paso de momento. A visibilidade é importante, pero a vida, subsistencia e a integridade das persoas sono máis.
- COMUNÍCAO POUCO A POUCO. Saír do armario non é cuestión dun día para outro. En ocasións o proceso pode durar meses ou mesmo anos. Todo depende da contorna e espazos nos que te movas. Podes dicirllo ás túas amizades de confianza, pero non ao resto da clase. Podes dicirllo a túa irmá, pero non a toda a familia. Deberías comezar por quen creas que o tomará ben. Podes ir dando pistas sobre o que sentes e es, por exemplo cambiando a túa expresión de xénero, cambiando o teu perfil nas redes sociais e deixar que o vexa a túa familia, deixa documentos ou vídeos abertos nos teus dispositivos sobre persoas trans na dormitorio, escribe unha carta aos Reis Magos cos teus desexos…
- PLANIFICA BEN COMO COMUNICARLLO Á TÚA FAMILIA. Intenta preparar o que e como o vas dicir. Busca a estratexia máis cómoda para ti e comunícate de forma sincera, expresando todos os teus sentimentos e preocupacións, sobre todo as que teñen que ver con facerlles dano. Iso si, deixando claro que é unha decisión consciente e reflexionada que non admite negociación (falamos da túa vida e do que es). Hai xente que non se atreve a dicilo cara a cara e usan un correo electrónico, WhatsApp ou unha carta explicando todo o que senten e sentiron. Esta é unha boa estratexia porque ao escribir temos máis tranquilidade, expresámonos mellor, podemos relelo e elixir ben as palabras. Deixalo por escrito dá máis tempo á-s outra-s persoa-s e impide entrar nunha discusión con palabras, miradas ou xestos que nos poden paralizar ou facer que, cos nervios, deamos respostas ou digamos comentarios inadecuados.
É moi posible que a túa familia teña unha primeira impresión de que é unha idea que apareceu hai moi pouco tempo e que está influenciada por amizades ou redes sociais, polo que é moi importante que expliques ben canto tempo levas non identificándote coa identidade asignada, en que situacións isto che creou malestar e dor, onde atopaches a información necesaria para poñer nome ao que es e desde cando comezou esta procura. Tamén é importante que indiques se xa tes pensado ou usas un nome e pronome co que te identificas. Móstralles tamén os teus momentos de confusión e ao mesmo tempo a tranquilidade que achegou saber quen es e atopar o camiño no que queres estar, os teus medos respecto ao futuro e mesmo a posibles tratamentos, pero especialmente has de mostrarlles a necesidade que sentes de que a túa familia te acompañe nun camiño que desde a soidade será moito máis duro de percorrer.
A maior parte das familias, sentirán a necesidade de falar deste escrito en persoa de forma inmediata, pero tamén é posible que reaccionen co silencio, a pesar de que o teu escrito lles provocou moitas emocións. Se é así, o seu silencio é o resultado do medo, do seu propio proceso de aceptación ou por unha incapacidade inicial para expresar o que senten. Terás que deixarlles unha certa marxe de tempo e, se non hai resposta, insistir de novo.
Tamén existe a posibilidade de que o comuniques en compañía doutra persoa de confianza que xa coñeza todo isto (algún profesional de confianza, a persoa de orientación ou titor-a de clase…). Aínda que o mellor sería conseguir que alguén da túa familia estea do teu lado e te acompañe nese momento cando llo digas.
- NON COMPENSA VIVIR NO ARMARIO. Ó final, comunicalo acaba sendo necesario porque se non manifestas a túa situación de transexualidade para as demais persoas eres cis (presunción da cisexualidade). Vivir libremente a túa dentidade axuda ao benestar persoal e psicolóxico, sentiraste moito máis aliviade, pero sempre hai que ter en conta todo o anterior. Ter medo ou angustia ao afrontar este momento é lóxico, pero cando o superas merece a pena. Se vives sempre no armario estarás a ocultar unha parte moi importante que ten que ver co teu ser e coa persoa que necesitas ser.
Por último unha recomendación: Cando o medo te bloquee de tal maneira que te faga crer que non es trans e todo foi un erro, faite a ti mesme esta pregunta: as dúbidas seguirían se soubeses seguro que a túa familia e contorna social respectaría e acompañaría a túa decisión?