Xunta Directiva


“A transexualidade infanto-xuvenil é variedade, riqueza, orgullo, alegría, autenticidade. Unha realidade que racha co biolóxicamente establecido, que te saca do teu espazo de confort, que remove a túa conciencia, que cada día te deconstrúe, que fai que te reformules a túa forma de ver e estar no mundo”. Cristina Palacios, Presidenta de ARELAS

Presidenta:

Cristina Palacios Castro, Outeiro de Rei. Mamá da primeira menor trans en visibilizarse en medios de comunicación e en cambiar legalmente o nome en Galicia.
Traballadora Social e docente. Máster en Xerontoloxía Social e Posgrao CAP (Certificado de Aptitudes Pedagóxicas). Experiencia como traballadora social en Atención Primaria de Servizos Sociais, na Delegación de Lugo da Xunta de Galicia, Axuda a domicilio e no asociacionismo (persoas con diversidade funcional). Con máis de 3.000 horas de docencia acreditadas en Certificados de Profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes e cursos de Igualdade (Xunta de Galicia).
Presidenta de ARELAS desde 2015 (anteriormente cofundadora-presidenta de Chrysallis Galicia). Propulsora e Co-autora do Protocolo Educativo sobre Identidade de Xénero (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e ARELAS) https://asociacionarelas.org/explora/protocolos-de-actuacion/ . Unha das impulsoras da Lei de Identidade de Xénero de Galicia. Co-organizadora das I e II Xornadas sobre Diversidade Sexual desde a Educación na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Varias publicacións sobre a realidade dxs menores trans, artigos de opinión en xornais e publicacións varias, intervencións en congresos e xornadas e innumerables charlas, conferencias e obradoiros sobre diversidade sexual e realidade da transexualidade infanto-xuvenil (entre elas un TEDx GALICIA https://www.youtube.com/watch?v=UEpi5VPJJmQ). Autora e impulsora do proxecto “ Sorrisos Transformadores”, campaña fotográfica itinerante patrocinada pola Área de Igualdade da Excm. Deputación de Pontevedra https://www.depo.es/exposicion-sorrisos-transformadores, fotografías de Noemí Chantada. Coorganizadora de varios Orgullos LGTBI en Galicia.
Dende ARELAS logramos os dous primeiros cambios de nome e sexo legalmente en Galicia.


“A transexualidade é un erro de diagnóstico que as veces cometemos cando asignamos un sexo a un ou unha bebé só tendo en conta os seus xenitais”. Isabel Noya, Secretaria de ARELAS

Secretaria:

Isabel Noya, Santiago de Compostela. Funcionaria e nai dun rapaz trans que con 15 anos, conseguiu o cambio rexistral de nome e sexo. Moderadora en mesas e poñente en charlas sobre transexualidade infanto-xuvenil.

“A transexualidade é a non concordancia do xénero asignado ao nacer, co xénero sentido, clasificando as persoas nun xénero ou outro segundo os seus xenitais, seguindo as normas dunha sociedade cisheteronormativa e esquecéndose de que a identidade de cada persoa está no seu cerebro”. Vanessa Papiri, tesoureira de ARELAS 

Tesoureira:

Vanessa Papiri, Pontevedra. Operaria e nai dun rapaz trans de 17 anos que conseguiu o cambio rexistral de nome e sexo. 

“A transexualidade é a necesidade de dar resposta á diversidade non incluída pola sociedade cisnormativa na que nos tocou vivir.”. Nuria García, 1ª Vocal de ARELAS 

1ª Vocal:

Nuria García, Lugo. Muller traballadora e nai dunha menor que transitou con oito anos de idade e que dende os doce ten recoñecido oficialmente o seu xénero.
Fiel defensora dos dereitos das persoas a ser e a existir en paz e libres sin importar a súa cor de pel, a súa ideoloxía ou as diferencias que as fan únicas e marabillosas. 

Queremos construír un mundo mellor para xs nosxs fillxs.

¿Acompáñasnos?