Rolda de prensa de ARELAS, Naizen, @EuforiaFamiliasTransaliadas, Federación Plataforma Trans e NoBinaries España reclamando que o texto de lei de dereitos trans que prepara o goberno, recoñeza o dereito a autodeterminación de xénero de TODAS as persoas trans, incluidas as menores de idade, migrantes e persoas non binarias.
Os dereitos humanos non son moeda de cambio nin de negociación. Os dereitos humanos lexíslanse e garantízanse.

Esta mañá ARELAS, Naizen, Euforia FamiliasTrans-Aliadas , a Federación Plataforma Trans e NoBinaries España convocamos unha rolda de prensa para esixir de novo ao goberno que recoñeza a autodeterminación de xénero de TODAS as persoas trans.
Deixar fora deste dereito as crianzas menores de idade, as persos migrantes e as persoas non binarias, é un acto contrario a seguridade xurídica. É deixar fora de novo as persoas máis vulnerables.
Tal e como dixemos na rolda de prensa, a negación de autonomía de decisión por baixo dos 12 anos que parece conterá o Proxecto de lei trans implica dubidar dxs menores, e aceptar a tese da reversión e do cambio de criterios na preadolescencia.
Na práctica, a Lei só recoñecerá plena autodeterminación de identidade por encima dos 16 anos, creando diferentes categorías de dereitos en función de límites de idade, e contradicindo a nosa regulación actual, e a Sentenza do Tribunal Constitucional 99/2019.
ARELAS non pode aprobar esta tese regresiva, de limitación de dereitos e cargada de prexuízos. Nos últimos anos conseguimos en Galicia, aínda sen unha Lei que o amparase, numerosos cambios de sexo e nome rexistrais de menores de 12 anos, acompañándolles nunha transición cara a unha vida máis feliz acorde á súa verdadeira identidade; sen nin un só caso de cambio ou reversión.
Que pasará agora cxs menores que queiran eses mesmos dereitos que os seus compas, despois da entrada en vigor desta Lei?
O retroceso en dereitos dxs menores non pode aceptarse. Xs menores e os seus dereitos non deben nin poden ser moeda de cambio ou un elemento de negociación. Os dereitos humanos non se negocian, garántense, lexíslanse.
É un claro triunfo da loita do colectivo trans e as súas familias aproximarse cada día máis a unha Lei, estamos vixiantes, á espera de ver a versión final do texto da Lei. Esiximos garantías de que non existirán pasos atrás nos trámites que aínda restan a ese texto. Falamos de vidas moi vulnerables que non deben seguir esperando.
Queda camiño por percorrer e farémolo con garantías, prudencia e traballo duro.
Non calaremos, non nos calarán!!
Porque aínda que cremos que estamos ás portas dun fito democrático, defenderemos ata o último momento un status digno para os dereitos de lxs menores, que non poña en dúbida a súa verdadeira identidade.