Como ben sabedes, aproxímase o 17 de maio, un día moi importante para todas as persoas LGTB e as súas familias, xa que é o día internacional contra a homofobia, lesbofobia, transfobia e bifobia.
É evidente que nos últimos anos, os centros educativos galegos fixéstedes un esforzo moi considerable e encomiable, para previr e loitar contra todas as violencias que inclúen a LGTBIfobia. Cónstanos pola proximidade que temos con moitos centros aos que acudimos a dar formación e polos relatos que nos chegan de moitos alumnxs e familias.
É por iso, que desde ARELAS, queremos convocar o I Premio “Escolas sen armarios. Libre de LGTBIfobia”, para recoñecer o traballo do día a día dos centros educativos galegos, na loita contra as discriminacións e pola igualdade de oportunidades de todo o alumnado.
Se considerades que o voso centro é merecedor deste recoñecemento, animámosvos a que leades as bases e nos envíedes a vosa proposta para concursar no premio: arelasasociacion@gmail.com .
Aproveitamos a ocasión para non deixar de agradecer todo o esforzo e traballo que facedes cada día por lograr unha escola mellor, máis libre, xusta e igualitaria.