Hoxe, 17 M Día Internacional contra LGTBIfobia, desde ARELAS queremos comunicar o resultado do I Premio “Escolas sen armarios, libre de LGTBIfobia”.
O xurado que decidiu a resolución do mesmo estivo composto por Nee Barros Fernández, activista e escritor. Iria Misa, profesora e escritora. Isabel Noya, funcionaria e secretaria de ARELAS. Paula Lois, matemática e activista. Valorouse o número, a intensidade e a orixinalidade das actividades a hora de visibilizar, sensibilizar e previr a LGTBIfobia.
O centro gañador desta primeira convocatoria foi o IES JOHAN CARBALLEIRA de Bueu http://www.edu.xunta.gal/centros/iesjohancarballeira/ Noraboa a este centro que destacou polo seu traballo serio, transversal e con perspectiva da diversidade, a hora de visibilizar e a naturalizar a diversidade afectivo sexual en varios contidos curriculares, como forma de previr as violencias LGTBIfóbicas. Destacar tamén que a hora de formar sobre diversidade afectivo, sexual e contra a LGTBIfobia, inclúan a profesorado e familia.
Recoñeceuse como moi importantes, os obxectivos do Grupo de Apoio LGBT+ a hora de loitar contra as discriminacións:
1) Crear espazos visibles LGBT+ en todo o centro.
2) Traballar as diversidades LGBT+ desde todas as materias e todos os cursos, con referentes históricos.
3) Crear espazos propios en todo o centro, como na biblioteca, ou a propia aula LGBTI+
4) Deseñar actividades e actuacións ao longo de todo o curso, non só nas efemérides, para toda a comunidade educativa.
5) Tolerancia cero coas discriminacións e violencias por razón de xénero, orientación ou identidade.
Parabéns por todo o traballazo que facedes! De seguro que o voso alumnado e profesorado LGTBIQA+, agradecerá moito poder convivir en igualdade de oportunidades.
Desde ARELAS farémoslle entrega dunha placa de recoñecemento co lema “Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia”, para colocala na entrada ou nun corredor do centro.
O resto de centros que este ano non resultaron gañadorxs, queremos agradecer moitísimo que nos presentárades o voso traballo que é moito e moi necesario. Animámosvos a seguir facendo actividades transversais e específicas que loiten contra a LGTBIfobia, principalmente, en forma de acoso escolar. Sigamos traballando coordinadamente (profesorado, familias e entidades), para que os centros educativos sexan lugares seguros e positivos para TODAS as persoas, libres de violencia LGTBIfóbica.
Vémonos na seguinte convocatoria!
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesjohancarballeira/