Vivimos na cultura da inmediatez, do efémero, do consumo rápido. As novas, sucédense unha a unha e inúndannos moitas veces dun sentimento de impotencia ante un mundo no que, día tras día, medra o odio e a inseguridade para quen é diferente. Máis por tras desas novas hai realidades que non debemos descoidar e que precisan toda a nosa solidariedade, a nosa acción alén dun like, a nosa indignación feita activismo.
Todas ou case todas coñecedes o caso da rapaza que empurraron hai unhas semanas dende a muralla de Lugo. O odio e a intolerancia quixeron matala, pero non o conseguiron. Do mesmo xeito, a falla de recursos á que este sistema empurra ás marxes non quere que, como sobrevivente, viva con dignidade, mais tampouco o vai conseguir. Annie é unha muller trans, migrante, precarizada… Como di a nosa querida Laura Bugalho, unha dos últimos vagóns no convoio dos dereitos. O sistema cuestionou a súa condición de vítima, cuestionou o seu dereito a recuperarse, a traballar, e mesmo a vivir neste país que para ela e a súa irmá é fogar. Para reverter esta situación, Annie enfróntase a un xuízo e a un sen fin de trámites e reclamacións, para o que precisa asistencia (e como non, pagala). Precisa un lugar no que vivir tras perder a capacidade de acceder con facilidade a súa casa, nun terceiro sen ascensor, por culpa das secuelas que o odio lle deixou. Precisa o noso apoio, do de todas as que pensamos que o lugar onde nazas ou a identidade que teñas non pode condicionar os teus dereitos. Precisa das nosas mans, da nosa indignación, máis tamén da nosa solidariedade. Agora máis que nunca, queremos lembrarlle que non imos deixar ninguén atrás. Queremos axudala, e que nos axudes a facelo.
Por todo isto, estamos tecendo unha rede de colaboracións con outras entidades, activistas, e cidadás comprometidas coa igualdade e a xustiza social para atopar o máximo de recursos, sen custo, que poidan axudar a Annie e a súa irmá. Porén, hai moitas cuestións ineludibles e propias do proceso para as que Annie e a súa irmá precisan axuda económica, polo que che pedimos que nos botes unha man aportando o teu gran de area no número de conta adxunto. XUNTAS somos rede, e como rede, non imos deixar a ninguén atrás! PODES PARTICIPAR CO TEU INGRESO, POR PEQUENO QUE SEXA, NO NÚMERO DE CONTA ES74 2100 2904 0602 5902 3977 da entidade “La Caixa”.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2021/11/03/una-joven-cae-muralla-empujon-madrugada/00031635936044325478418.htmhttps://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2021/11/03/una-joven-cae-muralla-empujon-madrugada/00031635936044325478418.htm
Xaneiro 13,2022