Declaración de amor sen bolhodrama das mulheres LBTIQ Verín 1M– galiza 8M 2020

Querémonos vivas, pero tamén libres na nosa diversidade. Molhámonos por todas as mulheres e pola greve do 8M, pero tamén por nos visibilizar na nosa diversidade e rachar as panas por ela. Neste 2020, as mulheres lésbicas, trans, bolheras, intersexuais, bi, queer, marimachas e disidentes da cisheteronorma baixo calquer outro nome querémonos vivas, visíbeis e sonoras na manifestación de sororidades e sinérxias feministas do 1 de marzo en Verín, e nas do 8M.

Xuntas na revolta feminista, as mulheres podemos paralo todo, movelo todo, mudalo todo. Mais todo debe ser todo. Para todas.

O patriarcado non só é machista. Tamén é capitalista e clasista, colonialista e racista, capacitista, cisnormativo e tránsfobo, heterosexista, lesbófobo, bifóbico, binarista etc. As mulheres seremos libres cando todas o sexamos.

Sentímolo: a revolución feminista non será heterociscéntrica. Será bi, bolhera, trans e húmida, ou non será. Na transformación social non caben maiorias paternalistas e minorías toleradas, e construidas por meio das coaccións. Tamén non pode haber afectos, sexualidades, identidades, parelhas e familias de primeira e de segunda clase.

Só nos molharemos por un feminismo que non reforce a norma e a coacción heterosexual, que non coopere na nosa invisibilidade. Non imos ficar nos ‘nosos espazos’, nen facer ‘a nosas cousas nas nosas casas’.

Sentímolo: a revolución feminista non será cisnormativa e tránsfoba. Será plural, diversa, fermosa e non sempre binaria. Ou non será. Nela non caben esencialismos da reproducción e da asignación sexual, tan propios das cavernas do patriarcado, empenhadas en pór travas aos corpos e ás vidas. A segregación en duas castas –azul e rosa–, sostidas como divinas, naturais, monolíticas e inmutáveis, é o fundamento patriarcal para criar umha clase subalterna, sobreexplotada e alienada dos seus corpos: as mulheres.

As mulheres somos umha clase oprimida e non un accesório multiusos do varón heterosexual. As mulheres somos umha clase oprimida e non mera maquinaria re/produtiva. Non avonda con confinar as mulheres disidentes da cisheteronorma a uns espazos de inclusión retórica. Non avonda con melhores condicións no Conto da Criada. Precisamos mudar de conto.

O feminismo polo que nos molhamos
O feminismo polo que nos molhamos sempre contestará a normalización do fascismo; non só cando perigan os postos dumha elite nas conselharías.
O feminismo polo que nos molhamos non reduce a igualdade a teitos de cristal que a maioria das mulheres vemos ao lonxe, desde a precariedade e pobreza.

O feminismo que nos molha xa ten asumido o que Angela Davis nos lembra: sexamos anticolonialistas e antiracistas. E asumimos o que nos lembra Silvia Federici : ser puta –e non escrava– non é pior que ser policia, igual que antes ser bruxa non era pior que ser inquisidora. O feminismo que nos molha non fai da prostitución umha cruzada para criar exclusións, trincheiras e carnets de feminista.

O feminismo polo que nos molhamos non contribue á minorización das mulheres lésbicas, bi, trans, intersexuais ou queer. Somos a humidade diversa da revolta, e non a minoría dumha minoria dumha minoria. Non vamos desaparecer das axendas políticas reais. Non nos borrarán.

O feminismo polo que nos molhamos non cuestiona a pertenza das mulheres trans e intersexuais, senón a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión cara estas mulheres. O feminismo da revolta non cala estas agresións nen fai da transfóbia umha ‘opinión’ repectábel, apta para os salóns de actos subvencionados con cartos públicos.

Non deixaremos que se imponha un feminismo burgués, heterocéntrico, tránsfobo e supremacista, que apropia a diversidade para desarmala, que inclue exluindo, que berra lume pero fai fume. Este feminismo de pedigrí preséntase como purista, abolicionista e radical encanto fai o lavado de cara á dereita con pactos de estado simbólicos, leis inefectivas e a mercantilización institucional das diversidades e violéncias.

A alternativa a isto e ao fascismo é umha sociedade civil ampla e diversa, horizontal e forte, que procure a transformación do tecido social e das institucións desde as bases, encanto nos brinda espazos para esa preservación da vida que Audre Lorde calificaba de acto revolucionário.

Sobreviver, revalorizar a vida e deter o fascismo esixe políticas que van alén do espectáculo, que reforcen a urdime de fios e raíces en que estamos encetadas todas – sementeiras diversas de moitas e vizosas loitas, das revoltas e primaveras feministas que Monique Wittig chamou das guerrilleiras, e que serán o comezo de algo fermoso 🙂

Ayúdanos a difundir, comparte Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Email this to someone
email